Tuesday 30 de April de 2024

Feijóo di que en ningunha das experiencias estatutarias o autogoberno galego nace contra España, senón en España e con España


Lembra que o noso Estatuto foi un triunfo da España solidaria e da Galicia considerada nacionalidade histórica, sobre un Estado concibido en dúas velocidades

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que en ningunha das experiencias estatutarias o autogoberno galego nace contra España, senón en España e con España.

Así se expresaba Feijóo na presentación dunha publicación de Ediciones Teófilo que reúne as constitucións e os estatutos de autonomía promulgados ao longo da nosa historia, onde destacou que o Estatuto da Autonomía de Galicia de 1981 e, por tanto o autogoberno galego, desenvólvese e incorpora facultades nun Estado que fixo da solidariedade entre territorios o correlato obrigado da solidariedade entre persoas, un logro que, como recoñeceu, non foi doado de acadar.

Segundo engadiu o máximo mandatario autonómico, os Estatutos da Autonomía de Galicia son fillos das constitucións e resultado dunha España que se reencontra coa súa diversidade.

Do mesmo xeito, fixo fincapé en que os intentos de recompoñer a España das Autonomías engadindo privilexios identitarios exclusivos para así calmar a determinados nacionalismos son o reflexo institucional do desexo dos que non soamente queren ter máis, senón que ademais esixen que os outros teñan menos.

Neste senso, o presidente da Xunta formulouse a cuestión de se existe esa tentación da que falaba Francisco Vázquez nun artigo de relegar a Galicia a un pelotón de autonomías con competencias limitadas, fronte a unha Cataluña e un País Vasco que gozarían dun autogoberno pleno. Como lembrou, hai proxectos de reforma e federalismos mal explicados que así o indican. Así mesmo, destacou que cómpre lembrar por se acaso que o noso Estatuto foi un triunfo da España solidaria e da Galicia considerada nacionalidade histórica, sobre un Estado concibido en dúas velocidades.

A Constitución de 1978
O titular do Goberno galego tamén puxo en valor a Constitución española de 1978, ano no que se produciu un cambio transcendental nunha historia de España que parecía seguir un camiño fatídico. Como engadiu, esa perfecta irmandade entre os cidadáns e os seus dirixentes desbotou a convicción arraigada no pensamento popular de que España “non ten remedio”.

Para o máximo mandatario galego, a clave da “nosa revolución gloriosa” pode estar na definición que fai Adolfo Suárez da tarefa que emprendían os pais da democracia cando pedía “elevar á categoría política de normal o que a nivel de rúa é simplemente normal”. Neste senso, Feijóo lembrou que foi a sociedade española a que moldeou a nova Constitución e sería a nova Constitución a que moldeara un entendemento duradeiro.

Deste xeito, a Constitución deixaba de ser un intento, descarado ou disimulado, de excluír para converterse nun modo de incluír, e aí é onde se atopa a diferenza entre o episodio democratizador da Segunda República e a transición democrática.

Neste senso, Feijóo fixo fincapé en que pouco hai de novidoso na pretensión de facer da Constitución unha ferramenta de partido e no menosprezo do pacto, do acordo, do consenso e dunha saudable ambigüidade que non satisfai a ninguén e que abrangue a todos. Así, apuntou que basta comparar os discursos actuais de determinados voceiros, con algúns alegatos radicais que se oíron no parlamento republicano, para atopar notables semellanzas. “Son as mesmas ideas que frustraron a esperanza republicana, as que agora pretenden unha revisión despiadada da etapa máis fecunda da nosa historia”, aseverou o titular da Xunta.

Con respecto a isto, Feijóo lamentou que os que foron democraticamente derrotados –antieuropeístas, anti-sistema- independentistas- polo pobo español durante a transición democrática, aspiran a unha ‘segunda volta’ que lles permita a revancha.

Non obstante, como engadiu o presidente, é evidente que estes líderes están pasando dos plantexamentos teóricos de laboratorio, a recibir a influenza dunha sociedade alérxica ás aventuras e estanse decatándose que a España de 2015 nada ten que ver coa de 1931.